Comezamos coas actividades dedicadas a Rosalía de Castro neste mes en que celebramos o seu natalicio no 24 de febreiro.
As primeiras son uns contacontos ilustrados, a cargo de Polo Correo do Vento, que irán por nove escolas de Redondela e dirixido aos primeiros niveis educativos (Infantil e Primaria).
Unha forma pedagóxica, atractiva e dinámica de achegarse á figura e á obra de Rosalía de Castro.
O Servizo de Normalización Lingüística e a Asociación de Empresarios/as de Redondela coordinan unha campaña para levar a poesía galega aos establecementos.
Dentro da campaña polo Día dos Namorados, a cartelaría levará impresa versos de poetas galegos que teñan como temática central o amor nas súas distintas manifestacións.
As colaboracións son na súa maioría de escritores vivos, algúns novos e outros xa consagrados (Gonzalo Hermo, María do Cebreiro, Silvia Penas…), que se combinan con outros autores clásicos da literatura galega (Cunqueiro, Pimentel, Celso Emilio Ferreiro…).
Ademais farase unha campaña nas redes que contará coa participación directa dalgúns dos autores.
“A beleza das letras”, así se chama a nova campaña de lectura promovida polo Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Asociación de Empresarios/as de Redondela. De novo, os libros dedicados ás parroquias de Redondela estarán presentes nos centros de beleza e estética da vila.
Durante a presentación, realizada no establecemento de Nati López, explicaron que os obxectivos son a promoción da lectura en lingua galega, a posta en valor do patrimonio cultural das parroquias e a concienciación da veciñanza no coidado e legado destes bens.
A concelleira Ángela Antón e o presidente da asociación de empresarios, Enrique Lago, comentaron que os centros de estética son un lugar idóneo para a lectura polo tempo que o cliente pasa alí.
Esta campaña é continuidade da realizada nas cafeterías, baixo o nome “Café con Letras” que tivo unha boa acollida entre locais e consumidores. De feito, conforme indican dende o SNL, a primeira edición de 1500 exemplares esgotouse e xa se fixo unha nova reimpresión.
Finalmente, Ángela Antón e Enrique Lago agradeceron a colaboración das autoras dos libros e dos responsables dos centros de beleza pola súa implicación. Xa son oito os establecementos adheridos á campaña: Nati López, Arima, Begoña Villaverde, Arlei, CBC, La Pelu de Isa, Diana Durán e Verónica Ballesteros.
No contexto da Festa do Cocido e das festas patronais dedicadas a San Vicente de Trasmañó, este domingo 20 presentarase o libro dedicado a esta parroquia. No acto estarán presentes o autor, Xurxo Costenla, e un representante do Goberno local.
Desta maneira pulamos para que na organización das festas patronais haxa un espazo para a cultura, a literatura e a lingua como unha oferta máis entre outras de gastronomía e orquestras.
Dende o SNL temos que agradecer a implicación e colaboración da Comisión de Festas.
Este venres 4 de xaneiro, ás 18:30, teremos este espectáculo no Multiúsos da Xunqueira.
Entrada de balde até encher. Os pases pódense recoller dende dúas antes do inicio.
Unha actividade incluída no programa de Nadal en Rede, promovido pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunhta de Galicia.