O Servizo de Normalización Lingüística, dentro da programación da VIII Semana do libro, a festa das palabras, organizou a presentación do libro “PITO GALEGO, MÉTODO PRÁCTICO”, do músico, docente e investigador Moisés Quintas Suárez.
A presentación-concerto celebrouse na Escola de Música de Chapela o 5 de abril, ás 18:30 h, con entrada libre. Asistiu numeroso público e alumnado da propia escola, que seguiu con atención as explicacións do autor deste manual, que foi facendo un achegamento teórico-práctico á historia do pito galego.
Partindo do pito pastoril máis rudimentario, feito de cana, pasando polos diferentes pitos máis perfeccionados, que utilizaron maioritariamente madeira de buxo, ata chegar aos máis modernos e evolucionados, noutras tonalidades e con rexistros máis amplos, feitos en madeira de granadillo.
Na presentación, Moisés Quintas estivo compañado por Xosé Aldea, da editorial Ouvirmos, encargada da edición, e por Viqui Pérez, que acompañou coas percusións as distintas interpretacións dos pitos. Presentou o acto a directora da Escola de Música de Chapela, Begoña Rial.
Este manual, redactado en lingua galega, está apoiado na páxina web http://pitogalego.gal/, onde se poden atopar os audios coa demostración práctica das pezas estudadas e toda a información técnica precisa. Supón o primeiro método de pito galego, que contribúe a mostrar as posibilidades musicais deste instrumento e facilita a súa aprendizaxe, empregando unha metodoloxía progresiva, baseada no noso repertorio tradicional.
Nesta primeira actividade da VIII Semana do libro, a festa das palabras, o público asistente, ademais de aprender as distintas posibilidades, sonoridades e tipos de pitos, achegouse tamén ao léxico relacionado cos materiais construtivos como cana, madeira de buxo ou granadillo, e á nomenclatura musical en lingua galega, pero tamén coñeceou o traballo de artesáns galegos de importancia coma Basilio Carril ou Antón Corral.