
O Servizo de Normalización Lingüística continúa promovendo e divulgando o compromiso coa lingua galega de homes e mulleres. Por iso propuxo dedicar cada parque infantil a unha persoa vencellada á cultura galega.
O primeiro deles foi Eduardo Blanco Amor pola relación que ten coa vila. Como é sabido, o actual Premio de Novela Longa Blanco Amor foi ideado e iniciado polo Concello de Redondela. Hoxe é unha feliz nova saber que se converteu nun dos premios de referencia do país.
O segundo parque tocoulle a unha muller de gran compromiso social, cultural e feminista: Xohana Torres. Por iso, ademais de instalar un panel informativo no parque da Alameda que, a partir de agora, levará o seu nome, tamén se fixo unha pequena homenaxe.
Neste acto participaron cinco mulleres, de distintas idades, que leron poemas de Xohana. Despois houbo un pequeno concerto a cargo de Antía Muíño.
Música, literatura, feminismo… en lingua galega!