Mercedes Corbillón fálanos dos seus libros preferidos

Unhas das libreiras máis seguidas nas redes sociais en Galicia é Mercedes Corbillón. Non é para menos porque amosa unha grande actividade coma libreira, editora e lectora incansable dende o corazón de Cronopios (nome das librarías abertas en Santiago e Pontevedra).

O seu estilo ten algo de transgresor porque fala con toda a liberdade sen fuxir da propiedade das cousas. Algo difícil de equilibrar pero do cal é capaz. As súas colaboracións na prensa galega amosan este ton divertido, sensible, provocador e culto. Un cóctel aditivo.

Dende o SNL convidámola a opinar de libros e lecturas para este mes de abril, durante o cal celebramo o Día do Libro. Da época de adolescencia aparecen obras recorrentes para moitos e moitas: “Na adolescencia quizáis me marcou, coma a tantos, a lectura de Cien años de soleda“. Pasados os anos destacata “o descubrimento de Vila Matas, descobrir esa sensación de que alguén parece escribir directamente para o teu subconsciente. Pasoume con El Viaje Vertical“.

Dentro desta apetito devorador de libros, cóntanos que en galego “case podo sentir a emoción, a chispa de ler O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca, de Álvaro Cunqueiro. E tamén os versos de Manuel Antonio en De catro a catro e Xa vai o griffon no vento, de Alfredo Conde ( do que hai unha nova edición preciosa)”.

Xa situados na época máis recente acumúlanselle unha manchea de títulos e autores ou autoras. Porque a literatura galega mantén unha alta calidade que consegue enganchar a moita xente e logra que a lingua galega estea presente en moitas casas.

“Desfrutei moito con Zona a defender de Manuel Rivas, imprescible todo el, pero este é un manifesto, ensaio cheo de verdade, de compromiso e de poesía para ler e subliñar. En novelas podo recomendar O libro da filla, de Inma López Silva, O estado intermedio de Xina Vega, Os bicos feridos de Anna Figueiredo, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales, Virtudes de Xesús Fraga, Carrusel de Berta Dávila, A Ferida do vento de Riveiro Coello etc. etc. En poesía o Lumes de Ismael Ramos e Feliz Idade de Olga Novo.

Esta longa relación de libros ofrécenos a posibilidade, como lectores ou lectoras, de adentrarnos en distintos xéneros literarios ou mesmo novelescos. Un pouco de todo porque hai gustos varios. Que a falta de variedade non sexa a escusa para non ler en galego.

Deixar un comentario