
Anxo Angueira é o presidente da Fundación Rosalía de Castro. En varias ocasións, nestes últimos anos, estivo en Redondela participando en actividades arredor da nosa escritora nacional. Ademais encargouse da edición de varios poemarios e publicou numerosos artigos sobre Rosalía. Sen dúbida é un dos grandes promotores e divulgadores da vida e obra rosalianas.
A carón desta actividade está tamén ao do escritor. Porque Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo, é autor tanto de poemarios (Valo de Manselle ou Fóra do sagrado) coma de novelas (Pensao nao ou Iria) e ensaios (A espiral no espello ou Rexurdimento: a palabra e a idea).
Dende o SNL puxémonos en contacto con el para coñecer o seu apetito literario que comezou dende cedo con obras coma O estranxeiro, de Albert Camus, ou Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. “Eran fascinantes os seus mundos para un lector que comezaba tamén a escribir. O seu foi un impacto inicial que quedou para sempre”.
A estes dous autores xuntáronselle as lecturas en lingua galega, comezando por Cantares gallegos de Rosalía, “lida no Bilbao da emigración en 1975”. E un ano despois, xa en Padrón, encontrouse Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín. “Naquel período de metamorfose vital e política a literatura estaba diante do meu fociño adolescente, no Espolón á beira do Sar, que estaba presidido pola estatua de Rosalía e polo que baixaba a manifestación chea de bandeiras vermellas e nacionalistas no cabodano de Moncho Reboiras”.
As recomendacións literarias que nos pode ofrecer un autor e investigador coma el son moi amplas. Dentro desta dificultade, Anxo Angueira destaca a “edición da obra completa de Manuel Antonio que fixo Xosé Luís Axeitos” e a novísima poesía galega.