Yolanda Castaño fálanos dos libros que máis lle prestan

A poesía galega ten en Yolanda Castaño unha embaixadora. Ela percorre, cos seus libros e versos galegos, o mundo. Unhas veces está en Estados Unidos e outras aparece en Xeorxia. En países tan lonxanos escoitan a nosa lingua. Sábena querer como expresión de patrimonio, como execicio de cultura.

Yolanda é unha escritora consagrada, recoñecida para o público ao presentar durante cinco anos o programa da TVG Cifras e Letras. Tamén é recoñecida no eido cultural ao recibir numerosos galardóns e levar adiante proxectos ambiciosos como a Residencia Literaria 1863 ou o Poetas Di(n)versos, co que trouxo a Galicia notables nomes da literatura universal.

Ao lembrar os primeiros libros que marcaron a súa vivencia como lectura dinos: “Os libros que nos marcan adoitan facelo dentro dunha etapa, dun tempo. Iso é así porque nós mesmas non somos as mesmas co pasar da nosa vida, e o libro que significou tanto para nós na infancia pode non dicirnos nada de adultas, do mesmo xeito que outros títulos nos caeron das mans de nenas e fascináronnos máis tarde, sendo xa un pouco maiores.” Unha certeza indiscutible que todas as persoas temos experimentados.


Pero Yolanda, ao buscar a aquela moza que tomaba os primeiros libros na man apunta “cara unha antoloxía dos poemas da arxentina Alejandra Pizarnik: “La extracción de la piedra de la locura”. Abraioume como con palabras sinxelas se podían crear imaxes tan pasmosas, cegadoras.”.

Ao poñer o mirada na literatura galega volve mergullarse nos primeiros tempos en que comezaba a publicar a súa poesía. Foi en 1995  e dese ano destaca “o poemario “Fascinio” de Chus Pato provocou en min o mesmo efecto que título adianta. Unha escrita radical e tan bebedora de mil distintas fontes como autónoma; un discurso rupturista capaz de poñer a linguaxe no centro do obxecto artístico.”

Pero o reto máis difícil é realizar a escolma de libros galegos contemporáneos. A lista podería ser longa. Ela fixo a seguinte: “Camuflaxe” de Lupe Gómez, “Os hemisferios” de María do Cebreiro, “oso, mamá, si?” de María Lado, “Todo isto antes era noite” de Lucía Aldao, “A cousa vermella” de Olga Novo, “O pouso do fume” de Dores Tembrás, “O libro das mentiras” de Emma Pedreira, “Nomes de fume” de Míriam Ferradáns, “Interna” de Oriana Méndez e “mamá pelícano” de Alicia Fernández.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística de Redondela agradecemos o tempo que nos dedicou e a súa colaboración con este proxecto compartido coas Bibliotecas Públicas de Redondela. Libros e autoras á vista de lectores e lectoras. Unha ocasión para descubrir novos títulos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s