María Oruña fálanos dos seus libros preferidos

A viguesa María Oruña é unha das escritoras con maior proxección e éxito dentro do xénero da novela negra. Dende 2015, con Puerto escondido, conseguiu gañarse un posto de referencia na literatura escrita en castelán. Dende esta obra, publica unha nova novela case cada ano. Con Un lugar a donde ir (2017) e Donde fuimos invencibles (2018) pechou momentanamente a serie de aventuras protagonizadas por Valentina Redondo. Neste 2021 recupéraa en O que a marea esconde para adentrarse en novos misterios e coñecer máis á protagonista. O libro xa vai pola quinta edición!

Tras delas chegou O souto dos catro ventos (2020), a primeira obra na cal María ofrece unha versión en castelán (Editorial Destino) e outra en galego (publicada por Aira Editorial). Esta novela desenvólvese arredor do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, un dos elementos patrimoniais máis singulares da Ribeira Sacra. Aínda hai pouco, coa descuberta dos aneis dos bispos, o libro captou máis e máis atención tanto dos medios de comunicación como do público.

Dende o Servizo de Normaliación Lingüística falamos con María porque tamén queremos coñecer os seus gustos literarios. E axiña aparece un título clásico da literatura universal O Quixote: “Abriume o mundo aos clásicos, nos que non reparaba, e nel descubrín literatura de contido e calidade, con episodios emocionantes e algún que, sorprendentemente, me facían rir”.

A obra de Cervantes, patrocinada polo Conde de Lemos, segue entrando no maxín de moitas persoas malia o paso de tantos anos. “É una lectura indispensable non porque reflicta una época e una maneira de pensar, senón porque se formula coma una gran ironía do que é a vida e dos xogos de amor, do poder e da nosa eterna inxenuidade”, explícanos María.

Xogos de amor e ironía que, dunha maneira máis sútil, aparecen n´A esmorga, de Eduardo Blanco Amor: “Foi o primeiro libro que me amosou unha realidade que puiden recoñecer, e ademais da ambientación, encandiloume a calidade narrativa e o ritmo do texto”. Sen dúbida, é un dos títulos máis lidos e recorrentes nos gustos dos lectores en galego.

A carón do escritor ourensán aparece Castelao coa súa colección de Cousas “que lin moitas veces e que fixeron voar a miña imaxinación”. Porque a imaxinación é unha das grandes virtudes da boa literatura.

Por último, preguntámoslle a María a cuestión máis difícil e comprometida: “Que libros en galego publicados nos últimos anos recomendarías?”. Deunos dous nomes, un home e unha muller. O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas e Infamia de Ledicia Costas.

Queremos agradecerlle a María que nos atendese tan amablemente. E desexamos que os seus libros e as súas recomendacións literarias acheguen máis literatura ás casas de Redondela.

Anxo Angueira fálanos dos seus libros preferidos

Anxo Angueira é o presidente da Fundación Rosalía de Castro. En varias ocasións, nestes últimos anos, estivo en Redondela participando en actividades arredor da nosa escritora nacional. Ademais encargouse da edición de varios poemarios e publicou numerosos artigos sobre Rosalía. Sen dúbida é un dos grandes promotores e divulgadores da vida e obra rosalianas.

A carón desta actividade está tamén ao do escritor. Porque Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo, é autor tanto de poemarios (Valo de Manselle ou Fóra do sagrado) coma de novelas (Pensao nao ou Iria) e ensaios (A espiral no espello ou Rexurdimento: a palabra e a idea).

Dende o SNL puxémonos en contacto con el para coñecer o seu apetito literario que comezou dende cedo con obras coma O estranxeiro, de Albert Camus, ou Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. “Eran fascinantes os seus mundos para un lector que comezaba tamén a escribir. O seu foi un impacto inicial que quedou para sempre”.

A estes dous autores xuntáronselle as lecturas en lingua galega, comezando por Cantares gallegos de Rosalía, “lida no Bilbao da emigración en 1975”. E un ano despois, xa en Padrón, encontrouse Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín. “Naquel período de metamorfose vital e política a literatura estaba diante do meu fociño adolescente, no Espolón á beira do Sar, que estaba presidido pola estatua de Rosalía e polo que baixaba a manifestación chea de bandeiras vermellas e nacionalistas no cabodano de Moncho Reboiras”.

As recomendacións literarias que nos pode ofrecer un autor e investigador coma el son moi amplas. Dentro desta dificultade, Anxo Angueira destaca a “edición da obra completa de Manuel Antonio que fixo Xosé Luís Axeitos” e a novísima poesía galega.

Mercedes Corbillón fálanos dos seus libros preferidos

Unhas das libreiras máis seguidas nas redes sociais en Galicia é Mercedes Corbillón. Non é para menos porque amosa unha grande actividade coma libreira, editora e lectora incansable dende o corazón de Cronopios (nome das librarías abertas en Santiago e Pontevedra).

O seu estilo ten algo de transgresor porque fala con toda a liberdade sen fuxir da propiedade das cousas. Algo difícil de equilibrar pero do cal é capaz. As súas colaboracións na prensa galega amosan este ton divertido, sensible, provocador e culto. Un cóctel aditivo.

Dende o SNL convidámola a opinar de libros e lecturas para este mes de abril, durante o cal celebramo o Día do Libro. Da época de adolescencia aparecen obras recorrentes para moitos e moitas: “Na adolescencia quizáis me marcou, coma a tantos, a lectura de Cien años de soleda“. Pasados os anos destacata “o descubrimento de Vila Matas, descobrir esa sensación de que alguén parece escribir directamente para o teu subconsciente. Pasoume con El Viaje Vertical“.

Dentro desta apetito devorador de libros, cóntanos que en galego “case podo sentir a emoción, a chispa de ler O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca, de Álvaro Cunqueiro. E tamén os versos de Manuel Antonio en De catro a catro e Xa vai o griffon no vento, de Alfredo Conde ( do que hai unha nova edición preciosa)”.

Xa situados na época máis recente acumúlanselle unha manchea de títulos e autores ou autoras. Porque a literatura galega mantén unha alta calidade que consegue enganchar a moita xente e logra que a lingua galega estea presente en moitas casas.

“Desfrutei moito con Zona a defender de Manuel Rivas, imprescible todo el, pero este é un manifesto, ensaio cheo de verdade, de compromiso e de poesía para ler e subliñar. En novelas podo recomendar O libro da filla, de Inma López Silva, O estado intermedio de Xina Vega, Os bicos feridos de Anna Figueiredo, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales, Virtudes de Xesús Fraga, Carrusel de Berta Dávila, A Ferida do vento de Riveiro Coello etc. etc. En poesía o Lumes de Ismael Ramos e Feliz Idade de Olga Novo.

Esta longa relación de libros ofrécenos a posibilidade, como lectores ou lectoras, de adentrarnos en distintos xéneros literarios ou mesmo novelescos. Un pouco de todo porque hai gustos varios. Que a falta de variedade non sexa a escusa para non ler en galego.

Darío Xohán Cabana fala dos libros que máis lle prestan

Entre os escritores consagrados en lingua galega situamos o nome de Darío Xohán Cabana. A súa ampla obra avala toda unha vida entregada a Galicia, dende o campo cultural até o político. Porque fomos moitos lectores e lectoras quen lemos alguna das obras infantís (O avión de Cangasou O castrón de ouro), novelas (Galván en Saor ou Morte de rei) ou poemarios (Romanceiro da Terra Cha ou Cabalgada na brétema).

Darío tamén foi un pícaro. Nas súas mans tomou El Quixote: “ Lino por primeira vez moi novo, tería dez anos, e fascinoume pra sempre. De cada tantos anos reléoo enteiro ou case enteiro, e de cando en cando un capítulo ou dous. Ademais o Miguel éme moi simpático, é coma se fora meu amigo. De toda a vida!”.  

Xa de máis mozo continuou cos clásicos da literatura universal: “A Divina Comedia de Dante. É un libro portentoso, ancho e fondo e totalitario coma quizabes ningún outro de autor individual. É verdade que Dante non me é persoalmente nada simpático, pero…”. A isto sumémoslle obras antigas coma La mort le roi Artu(século XIII) “pró meu gusto é quizabes a novela máis fermosa do mundo, e non estará lonxe de ser a mellor contada”.

A bagaxe de lecturas de obras universais axiña, de cando rapaz, se lle sumou a tradición literaria galega: “Cantares gallegos de Rosalía. Sentinme “representado”, como agora se di. Cando o lin tería aínda non quince anos, e non entendín tanto, xaora, pero agora sei por que: máis ca un libro de poemas é un auténtico poema nacional-popular. Confusamente sentín que aquel libro era eu e a miña xente”. Ao pouco apareceron autores coma Méndez Ferrín co libro O fin dun canto: “Non é que eu crea que é o mellor libro de poemas do Ferrín, pois os mellores del son todos. Pero dentro de el ser na súa totalidade o grande poeta do meu tempo, O fin dun canto é onde máis envolto me sentín no seu inmenso poder de conmoción”.

Hai anos que Darío non publica novas novelas ou poemarios. Pro si puxo en galego obras universais coma As floriñas de San Franciscono ano 2014. Porque no eido da tradución tamén colleitou boas críticas por libros coma o Cancioneirode Petrarca, e a Divina comediaVida novade Dante. Precisamente por estas obras recibiu a Medalla de Ouro de Florencia  pola tradución.

De entre os autores e autoras contemporáneas aparecen unha manchea de títulos. Toda escolla é difícil pro Darío destaca Pensao nao, de Anxo Angueira; CráterFeliz Idadede Olga Novo; Berta, “un longo poema de Xosé María Álvarez Cáccamo pola morte da súa irmá” e a Poesía fundamentalde Ferrín.

Por último, agradecemos a Darío Xohán Cabana a amabilidade con que nos atendeu e a súa colaboración co SNL do Concello de Redondela.

Un libro e unha flor

O 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía. O Concello de Redondela únese, outro ano máis, á celebración que fai toda Galicia desta muller única, exemplo no feminismo, na cultura e no amor a Galicia.

Por mor das circunstancias sanitarias, optouse este ano por potenciar a campaña “Un libro e unha flor”. Unha iniciativa que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) impulsou hai anos.A proposta é que polo 24 de febreiro se agasalle un libro en galego e unha flor á aquela persoa que queiramos. Un xesto simple pero de enorme valor porque a cultura é fonte de vida, de lecer e coñecemento.

Tamén animamos a que as compras se fagan no comercio local. Toda axuda é pouca nesta situación. E cada xesto é importante.

Ademais, pedímosvos que compartades na rede unha fotografía do libro e a flor co cancelo #DíadeRosalía e #RedondelaconRosalíaMáis info na web de Redondela e nas salas de préstamo das bibliotecas públicas de Redondela e Chapela, a quen agradecemos coma sempre a súa colaboración.

Olga Novo fala dos libros que máis lle prestan

A literatura galega acumula premios dende hai varios anos. A unanimidade da crítica, de fóra e dentro de Galicia, ratifica a alta calidade da creación literaria. Isto demostra que a lingua galega é universal

As culturas son mestizaxe. Esta riqueza fúndese en nós. Por iso a literatura galega contribúe co noso idioma ao acervo da arte universal. Con ela vai un anaco do que somos como país pro tamén vai o común da humanidade, as inquedanzas ou sentimentos que percorren o ser humano.

Olga Novo(Vilarmao – A Pobra do Brollón, 1975) é unha das voces emerxentes da cultura galegaque atravesa co seu verso o corazón humano. Os primeiros poemarios chegaron cun ar renovado onde o erotismo encapsula o poema. O último libro, Feliz Idade, recibiu o Premio da Crítica Galega e o Premio Nacional de Poesía concedido polo Ministerio de Cultura.

Dende o SNL puxémonos en contacto con ela para coñecer os libros de referencia, da literatura universal á literatura galega. “Debo dicir que non me gustan as clasificacións porque conlevan unha xerarquización, e toda xerarquización é o contrario da beleza e da creación, asentadas precisamente nos principios vitais da diversidade e da liberdade. Así pois, non podería cinguirme a un libro ou autor/a concreto, pois ademais ao longo da vida o devalar das nosas paixóns pode ser moi diferente. Safo, Emily Dickinson, André Breton, Luz Pozo, Dylan Thomas, Olga Orozco, Lorca, Rosalía, César Vallejo, Virginia Woolf, Rilke, Valente, Carmen Blanco, Gamoneda, Neruda ou Catulo son nomes que amo a aos que regreso con frecuencia nunha contemporaneidade atemporal”. 

A memoria labrega inxértase coma unha parte máis do “Bosque dos cromosomas”, a sección de colaboración que Olga Novo mantén na revista Luzes (á cal está subscrita a biblioteca de Redondela).  Ao falar da literatura galega, dinos: “Na infancia, Os eidos, de Uxío Noveneyra, foron o grande espello no que contemplar o meu mundo labrego desde a alta dignidade conferida pola poesía profunda. E na xuventude, a poesía de Claudio Rodríguez Fer, a escrita, a obxectual e a da vida: a integración da ética libertaria, do amor e da poesía como accións que melloran o mundo. Se Novoneyra me ensinou de onde eu viña, Claudio Rodríguez Fer amosoume o lugar ao que eu quería chegar”.

Dende Rosalía, que puxo nome feminino ao Rexurdimento, até o presente, que acumula distintos premios, a muller e as letras galegas fan un tándem excepcional. Olga Novo recoméndanos os criterios para escoller un libro: “a liberdade de elección”. Dende el ábrese un mundo para nós. Todo un patrimonio común para sentir a felizidade.

Servizo de Normalización Lingüística

Bibliotecas de Redondela

“O que arde” e “O último barco”. O máis visto e lido en galego no 2020

O éxito do filme de Óliver Laxe “O que arde” é innegable. Logo dos numerosos premios da crítica e de ser precandidata para os Óscar, tamén recibiu o cariño dos espectadores. En Redondela converteuse no filme en galego máis prestado e unhas das referencias da Filmoteca Galega que se inaugurou o pasado ano por iniciativa do SNL.  

Ademais, no segundo posto está a obra “Trinta lumes”, da redondelá Diana Toucedo, que retrata a vida do Courel dende unha mirada singular. En terceiro lugar Vilamor de Ignacio Vilar, o director que en 2020 gravou “María Solinha” en Redondela.

En canto aos libros, Domingo Villar consolídase coma un dos autores favoritos entre os lectores e lectoras de Galicia. Nas bibliotecas municipais de Redondela o seu “O último barco” foi o libro máis prestado. Tras el aparece “Beleza vermella” de Arantxa Portabales e “Lume azul” de Pedro Feijoo, outro dos autores máis lido en Galicia. Curiosamente, os tres libros foron publicados en 2019.


Tanto as bibliotecas municipais coma o servizo de normalización de Redondela animan ás persoas usuarias a que fagan as súas propostas de novas adquisicións de libros e filmes galegos. 

Campaña a prol do galego na hostelaría

A actividade foi impulsada en colaboración coa Asociación de Empresarios/as de Redondela no sector da hostelaría. Trátase da distribución de 50.000 manteis de papel dun só uso con dúas mensaxes lingüísticas. Unha máis dirixida aos turistas, para que coñezan os nomes dos utensilios de comer; e a outra dirixida ao público galego para que preserven a forma galega dos peixes, que é a de uso tradicional pero que se vai mudando polas formas castelás (dende cando o rapante se lle chama “gallo”?).


Por último, dende o SNL informan que se levarán máis accións nos sectores ligados ao comercio local así como actividades dirixidas ás crianzas.

A galeguización da lonxa de Cesantes

O Concello de Redondela e a Confraría de Pescadores de San Xoán de Redondela asinaron un convenio para impulsar un proceso de normalización lingüística na lonxa de Cesantes. Porque sendo como é o galego a lingua maioritaria da xente do mar dende a aparición mesma da nosa lingua, que sentido tiña que a vida administrativa e escrita fosen en castelán?

Debemos agradecer ao patrón maior, á directiva e en xeral á comunidade mariñeira a boa acollida da nosa iniciativa.

Filmoteca galega

Inaugurouse, por iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística, a sección de Filmoteca Galega que se situará na biblioteca municipal de Redondela.

O propósito é constituír un fondo dos filmes galegos e en galego. Dentro desta onda crecente de interese polo Novo Cinema Galego, o noso concello quixo colaborar na súa difusión. Así, se o pasado ano celebramos un ciclo de cinema galego, agora queremos favorecer a súa divulgación a partir do préstamo.

Entre os filmes que poderedes atopar están “O que arde”, de Oliver Laxe; “Trinta lumes”, de Diana Toucedo; “A mariñeira”, de Antón Dobao; ou “A esmorga”, de Ignacio Vilar.

Está é a primeira sección que, como tal, se crea nun concello de toda Galicia. E estamos moi contentos e contentas por iso, que volve situar Redondela nunha referencia. Unha proposta que impulsa e divulga a creación audiovisual en galego