«Comezar con Ubuntu» é a tradución ao galego, logo dunha revisión técnica e de redacción, realizada por membros da comunidade galega de software libre apoiada pola Oficina de Software Libre da USC e o Concello de Dodro.
Trátase do primeiro manual en galego para principiantes do sistema operativo Ubuntu. O manual está dispoñíbel para descargar de balde na rede no seguinte enderezo http://ubuntu.usc.es/manual/
Esta guía para principantes é de balde para descargar, ler, modificar e compartir. O manual axuda a familiarizarse con tarefas diarias como navegar pola Web, escoitar música ou escanear documentos. As instrucións son sinxelas e é axeitado para todos os niveis de experiencia.
A guía editada polo Concello de Dodro e máis a Oficina de Software Libre da USC, conta co patrocinio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, e a colaboración do Proxecto Trasno.