Venres Cativos

Neste ano 2018 o SNL organiza os Venres Cativos.

Cada venres final de mes haberá unha actuación dirixida ás crianzas e pensado como unha actividade máis do proxecto Apego.

Para o primeiro trimestre témo-lo seguinte calendario:

Sábado 20 de xaneiro: concerto inaugural a cargo da Banda dos Cueiros (Multiúsos da Xunqueira, ás 12h).

Venres 26 de xaneiro: teatro infantil O Lobo Bobo, recomendado para +3 anos (Multiúsos da Xunqueira, ás 18h).

Venres 23 de febreiro: teatro infantil A viaxe de Rosalía, recomendado para +5 anos (Multiúsos Piñeiral do Crego, Chapela, ás 18h).

Venres 30 de marzo: música-didáctica Letras e notas, recomendado para +3 anos (Multiúsos da Xunqueira, ás 18h).

Actividades a eito para a promoción do uso e adquisición da lingua de Galicia nas xeracións máis novas. 

Apego, premio da cultura galega 2017

 

O 12 de decembro o proxecto Apego recibiu o premio da Cultura Galega na modalidade de lingua. Un galardón que recoñece o traballo a prol do uso, mantemento e transmisión da lingua galega.

O Concello de Redondela, dende o seu Servizo de Normalización Lingüística, participa dende o inicio, sendo un dos municipios impulsores do proxecto.

Apego medra cada ano. Son máis os concellos galegos que se suman a esta iniciativa de carácter municipal.

Exposición Scriptorium. Unha forma de coñece-la lírica medieval

Esta mostra estará aberta até inicios de xaneiro de 2018, no horario habitual do Multiúsos, destinada a un público xeral. Ofrece a posibilidade de coñece-lo traballo artesanal dos monxes e das abadesas copistas, con diferentes paneis explicativos, material de época (pigmentos, canas, banco copista…) e un percorrido pola historia da impresión.

Ademais haberá obradoiros para as escolas de Redondela (están tódalas prazas cubertas), como complemento á unha futura visita ó Pergamiño Vindel, exposto no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

Esta exposición organízaa a Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Redondela.

A actividade estivo impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística pola relevancia da lingua galega no período medieval, coincidente co esplendor do Reino de Galicia, e pola promoción do prestixio lingüístico

Convenio de galeguización con Tanamañó

O Servizo de Normalización Lingüística impulsou a renovación do convenio de galeguización de Tanamañó, o único tanatorio que temos en Redondela.

O acto de sinatura desenvolveuse nas instalacións da empresa funeraria. Nel participaron o alcalde de Redondela, Javier Bas, e os representantes de Tanamañó Alfonso Pereira e Xosé Santos.

Con esta acordo a empresa comprométese a impulsa-lo uso do galego, a facilita-la documentación en lingua galega e a promove-lo seu uso en necrolóxicas, lápidas, correspondencia e e documentación administrativa interna.

Visita guiada cos clubs de lectura

O martes 24 de outubro os clubs de lectura, das bibliotecas de Redondela e Chapela, participaron nunha visita guiada pola exposición “Airiños, Aires, Rosalía”, de Xurxo Lobato.

No percorrido, o técnico de normalización explicoa a partir das fotografías a vida e obra rosalianas. Dende o tempo de infancia en Padrón e Compostela até os anos de Madrid.

Tamén houbo ocasión para ler algúns dos seus poemas máis célebres, analiza-los seus contidos e poñer en conexión a literatura galega coas correntes estéticas da Europa oitocentista.

 

Inauguración da exposición Airiños, Aires, Rosalía

O pasado luns 2 de outubro inaugurámo-la exposición fotográfica “Airiños, Aires, Rosalía”, do prestixioso profesional Xurxo Lobato.

No acton acompañounos o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, que fixo unha ligazón entre Redondela e Padrón por medio de Rosalía.

Despois das demais palabras (técnico do SNL, concelleira de cultura e Alcalde), o fotógrafo Xurxo Lobato fixo unha visita didáctica e guiada da propia exposición.

EXPOSICION DE AIRIÑOS AIRES ROSALIA EN MULTIUSOS DE REDONDELA

Esta exposición será o marco ideal para desenvolver unha serie de actividades de normalización lingüística nas cales participarán alumnado das escolas públicas de Redondela, os clubes de lectura, as persoas participantes no Obradoiro Internacional de Tradución Poética e visitas guiadas ó público xeral.

Estará aberta, no Multiúsos da Xunqueira, dende o 2 até o 31 de outubro.