Ciclo dedicado ao Novo Cinema Galego
Neste Nadal o Servizo de Normalización Lingüística organiza un ciclo dedicado ao Novo Cinema Galego. Terá a seguinte programación no Auditorio da Xunqueira:
Venres 29 de novembro, “O que arde”, de Óliver Laxe.
Xoves 5 de decembro, “Arraianos”, de Eloy Enciso.
Sábado 21 de decembro, “Mamasunción” de Chano Piñeiro (homenaxe).
Xoves 26 de decembro, “Trinta lumes” de Diana Toucedo.
—
O filme en galego máis visto na historia.
O primeiro filme en galego gañador en Cannes, Toronto e Mar da Prata.
O filme arredor dos incendios e da Galicia rural, co poderío da paisaxe e a reflexión con poucas palabras.
Chega a Redondela “O que arde”, de Óliver Laxe. Unha oportunidade para mirar cine na vila dos viadutos.
As entradas (2 €) poderanse recoller no Multiúsos da Xunqueira no horario establecido (pola mañá e en findes; polas tardes pódese reservar) a partir deste sábado.
E ademais, agardamos ter unha visita especial para falarnos da película. Pro isto, aínda é un segredo.
Venres Cativos: “Pitusa semifusa”
O Servizo de Normalización Lingüística organiza un novo “Venres Cativos”, o último deste ano 2019. Pra pechar este ano de actividades de Apego teremos connosco a Pitusa Semifusa. Cantigas e bailes para coñecer diversos instrumentos musicais a través dunha nena protagonista, neta dun director de orquestra. Devagar a cativa irá aprendendo letras e músicas até completa un verdadeiro concerto musical.
O acto será no Multiúsos da Xunqueira o venres 29 de novembro ás 18:00h. A entrada é de balde até completa a capacidade.
Ciencia en galego
Redondela celebrou o Día da Ciencia en Galego cunhas actividades de “Matemaxia”, impartidas polo Mago Paco, que percorreu os centros escolares do municipio. Unha forma de achegar a lingua galega ao eido das ciencias e, en particular, ao das matemáticas. Unha forma, pois, de desterra prexuízos lingüísticos como aqueles que consideran a lingua galega incapaz de expresar linguaxe científica.
Non existen fronteiras para as linguas do mundo. Tampouco para o noso idioma galego.
Día da Restauración da Memoria Lingüística
O pasado domingo, na parroquia do Viso, celebramos o Día da Restauración da Memoria Lingüística. Durante o acto deuse conta dos motivos polos cales fometamos o uso do galego nos actos funerarios: en camposantos onde o 90% dos defuntos falaron galego, as lápidas están o 99% en castelán. Esta anomalía lingüística haina que corrixir a partir da pedagoxía, divulgación e querenza polo que somos.
Temos que agradecer a Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística a súa colaboración, ao párroco do Viso, Carlos, a súa complicidade e aos colectivos sociais, culturais e veciñais.
Fíos do querer (Apego)

Expo “Luces de Alén Mar”

Concerto das Maimiñas
Este venres 27 de setembro volven os Venres Cativos (incluído no proxecto Apego), un programa de actividades en lingua galega para fomentar o uso e a transmisión do noso idioma.
Un concerto para iniciar o curso escolar con azos e cheos da fantasía que dá viaxar polo mundo para coñecer outras culturas e pobos.
Hora: 18:00
Lugar: Auditorio da Xunqueira
Entrada: De balde
Difundide, organizade e non faltedes a esta emocionante viaxe da man das Maimiñas!
Presentación de Estirpe e homenaxe a Ferrín
O Concello de Redondela, por iniciativa do seu Servizo de Normalización Lingüística, reedita nos seus 25 anos o libro “Estirpe”, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Con esta inicitiva, a Administración local quere render homenaxe a un dos libros máis relevantes da literatura contemporánea e, a través deste, facer unha homenaxe ao seu escritor.
O acto celebrarase no Auditorio da Xunqueira o vindeiro xoves 13 de xuño ás 19:30. María do Ceo porá a música, haberá un breve recital poético de “Estirpe”, e tomarán a palabra o director de Edicións Xerais, o presidente do Parlamento de Galicia, o Alcalde de Redondela e pechará o propio autor, Méndez Ferrín.
Por todo isto, cada persoa que asista ao acto volverá a casa cun exemplar gratuíto deste poemario. É importante que nas casas haxa libros, nun tempo de tanta lectura virtual en aplicacións móbiles e informáticas. Achegar “Estirpe” é unha forma de difundir e poñer en valor unha relevante obra poética.
“Estirpe” é un canto á conformación histórica do pobo galego onde a natureza, os personaxes históricos e a tradición popular se unen grazas ao poderoso verso de Ferrín. Un libro que amosa claramente o por que é Xosé Luís Méndez Ferrín un dos autores imprescindibles da historia da literatura galega.
Xornadas Casto Sampedro
O Concello de Redondela e o Concello de Pontevedra, canda a Sociedade Antropolóxica Galega e coa colaboración do SNL de Redondela e o Museo de Pontevedra, organizan unhas xornadas dedicadas ao egrexio intelectual redondelán Casto Sampedro.
Esta actividade organízase en dous días co propósito de coñecer diversos aspectos de Castro Sampedro pero tamén outros aspectos da actual investigación antropolóxica.
O venres 3 de maio, na Casa da Cultura de Redondela, teremos a primeira xornada:
17:30 Presentación das xornadas a cargo de Rafael Quintía e de Xulia Feixoo
18:00 Conferencia de Xavier Groba, “Ao ronsel de Casto Sampedro: estado actual da etnomusicoloxía galega”.
18:45 Conferencia de Beatriz Busto, “Galicia conxelada. A necesidade da reflexión antropolóxica na actualidade”.
19:30 Descanso
19:45 Conferencia Rafael Rodríguez, “Entre sachadores e burócratas. Unha ollada á arqueoloxía galega actual”.
20:30 Mesa redonda e coloquio final
O sábado 4 de maio as actividades continúan en Pontevedra, nas ruínas de San Domingos, co seguinte programa:
10:30 Música a cargo d´Os Trubincos do Batán.
10:45 Roteiro por Pontevedra, “Tras as pegadas de Casto Sampedro en Pontevedra”, a cargo de Telmo Crespo.