III Xornadas de toponimia en Pontevedra

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá, durante varias xornadas dos meses de xaneiro e febreiro, as III Xornadas de Toponimia. Estudo dos nomes de lugar e aplicacións didácticas.

Organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística e máis o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Luís Seoane, as xornadas están dirixidan a docentes de primaria e secundaria, entidades sociais e culturais (comunidades de montes, confrarías, asociacións veciñais, culturais…) e a outras persoas interesadas no tema.

O programa previsto é o seguinte:

  • Introdución, características da toponimia galega, estudo e clasificación da toponimia: orixe, significado. Gonzalo Navaza. 17, 19 e 24 de xaneiro

  • Talasonimia. Os nomes do mar. Xosé Lois Vilar. 25, 27 e 29 de xaneiro
  • Didáctica da toponimia. Xulia Marqués. 1 e 3 de febreiro

As xornadas desenvolveranse no salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra os días 17, 19, 24, 25, 27 de xaneiro (de 17.30 a 20.30 horas), 1 e 3 de febreiro (de 17.30 a 19.30 horas). A saída de campo do sábado 29 de xaneiro será en Monteferro (Nigrán) e na Serra da Groba, para a que haberá que facer unha inscrición á parte.

As persoas interesadas deberán inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Rúa do Arcebispo Malvar, núm. 1. Fax: 986 851 800. normalizacionlinguistica@concellopontevedra.es

Tríptico en PDF

Detrás da canción en Redondela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística achega a Redondela, hoxe 4 de xaneiro, o proxecto DETRÁS DA CANCIÓN, coa colaboración do SNL do Concello de Redondela, que se inclúe na programación do programa Bocaberta de dinamización lingüística. O proxecto inclúe a celebración de obradoiros de creación musical e un concerto final.

Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo? A estas cuestións tenta responder esta actividade, na que integrantes dos grupos de pop galego Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo.

Detrás da canción é unha actividade destinada a mozos e mozas a partir dos 12 anos, que pretende demostrar que compoñer cancións e gravalas é algo doado e que calquera o pode facer cunha mínima calidade. Pero alén de todo iso, quere mostrar que a lingua galega é un idioma tan válido coma calquera outro para a expresión musical de masas.

Os obradoiros desenvolveranse na sala da Rede de Telecentros de Redondela, no Multiusos da Xunqueira, dende as 18.00 ás 19.50 horas. Para participar nos mesmos é imprescindible formalizar a inscrición na web www.detrasdacancion.info ou presentarse no lugar e hora sinalados na convocatoria.